Thursday 16 de May de 2024

Román Rodríguez destaca que a xunta leva executadas 1.372 obras nos centros escolares nesta lexislatura


— 270 son grandes obras como rehabilitacións integrais, ampliacións e novas construcións e outras 1.040 son obras de pequena e mediana envergadura

— A maiores están en licitación 62 instalacións fotovoltaicas, que avanzan no obxectivo do plan de acadar uns centros máis verdes e respectuosos co medio ambiente

— O conselleiro salienta que todas elas “fan máis fácil a vida cotiá de colexios e institutos”

— Agradece a implicación da comunidade educativa para ter os centros a punto para a volta ás aulas e deséxalles o mellor no novo ano académico

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, destacou hoxe o importante impulso da Xunta á mellora das infraestruturas educativas, con 1.372 obras executadas no que vai de lexislatura nos centros escolares ao abeiro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia.
Delas, 270 son grandes obras que comprenden rehabilitacións integrais, melloras sectoriais, ampliacións e construción de novos centros como o novo colexio de Milladoiro, en Ames, ou a rehabilitación do Instituto IES Valle-Inclán, en Pontevedra, que é “a maior obra en marcha neste momento en Galicia”, segundo explicou o conselleiro nunha visita ao Instituto IES Pedras Rubias, de Salceda de Caselas, que é obxecto tamén dunha ampliación.
Outras 1.040 correspóndense con actuacións de pequena e mediana envergadura e 62 son instalacións fotovoltaicas, estas últimas enfocadas a seguir avanzando cara centros educativos máis verdes e máis respectuosos co medio ambiente e a “facer máis fácil a vida cotiá de colexios e instituto e que inciden directamente sobre o benestar de docentes e alumnos”, incidiu.
En vésperas do inicio do curso, o titular do departamento educativo do Goberno galego agradeceu á comunidade educativa o traballo realizado nas últimas semanas para ter a punto os centros para a volta as aulas este luns. “Tiven a oportunidade de visitar varios centros estes días e en todos eles comprobei que a ilusión por recibir aos rapaces segue intacta. Isto é proba de que temos un profesorado moi implicado, ao que quero dar as grazas e desexar o mellor neste novo ano académico no que comeza”, dixo.

  Grandes obras

 

Fotovoltaicas

 

Pequenas obras

 

Total
A Coruña 86 20 451 557
Lugo 43 14 157 214
Ourense 22 7 219 248
Pontevedra 119 21 213 353
Total 270 62 1040 1372

24 actuacións en carteira

“De cara ao futuro e no marco do mesmo plan –explicou Román Rodríguez– a Consellería ten outras 24 actuacións en carteira, algunhas tan importantes como a construción do novo instituto de Navia, en Vigo, cun orzamento de 14M€”, salientou.

Todas estas actuacións enmárcanse no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica da Xunta de Galicia, a folla de ruta do Goberno galego para as infraestruturas educativas da próxima década, que aposta por un novo modelo de escolas máis flexibles, máis tecnolóxicas e sostibles, adaptado á situación poscovid.
Implantación do Bacharelato en Salceda
No referido ao Instituto IES Pedra Rubias, Román Rodríguez destacou o bo ritmo das obras, que contan cun investimento de arredor de arredor de 3,3M€. “Esta ampliación ten un beneficio claro, que é permitir implantar neste concello o Bacharelato. Antes os rapaces tiñan que desprazarse a Porriño e Tui para cursalo”, resaltou. “No curso 2023/24 quedarán por completo instauradas estas ensinanzas no centro, coa impartición do segundo curso”, puntualizou.

No que atinxe ás obras no interior do centro existente, a actuación está rematada e lista para o inicio de curso. En concreto, acometeuse un novo espazo para biblioteca e dúas aulas novas para o segundo curso de Bacharelato. Tamén se arranxou a sala de profesores.

A obra de construción do novo edificio, que conta cun prazo de execución de 9 meses e comezou en xuño, avanza bo ritmo. En concreto estase a construír unha nova superficie útil de arredor de 1.600 m², cunha área docente dotada de oito aulas, dous departamentos, un laboratorio, así como un espazo para polo creativo. Así mesmo, engadiranse tamén espazos exteriores como un acceso e un patio cuberto.

O edificio, está adaptado para que se instalen fotovoltaicas, paneis solares e acumuladores, fomentando o aforro enerxético e reducindo as emisións.